|
 | A Actividade |  |
 | Secretaría |  |
 | Prensa |  |
|
 | Conclusións |  |
- Non se trata propiamente de que a auga sexa un ben escaso, senón de que o mal uso (e abuso) que facemos dela provoca que, en efecto, acabe por converterse nun ben prezado. Neste sentido non é asumible que a auga se transforme nun ben privado nin privatizable.
- Os ríos galegos, máis que ríos poden ser considerados sucesións de estanques, pola sobreexplotación (da que se infire unha ausencia total de sentido de país) de que son obxecto.
- A calidade da auga dos ríos galegos encaixa dentro dos parámetros que se fixan na lexislación vixente, se deixamos á marxe o caso do río Sar.
- Os plans urbanísticos non parecen contemplar os riscos que leva consigo a ocupación de espazos inundables.
- É preciso recuperar, limpar, poñer en valor... as canles e a cultura da auga (ríos, corgos, portos, sistemas de rega...).
- Particularmente, debemos mellorar e conservar a calidade dos ríos (no país dos mil ríos), e inculcarlles ese valor aos rapaces e rapazas galegos.
- É fundamental transmitirlle ao alumnado a necesidade do uso racional da auga e o respecto polo medio natural, como única maneira de garantir o futuro.
- En Galicia hai auga, pero o seu uso irracional pode facela escasa, como xa sucede en moitas partes do mundo. Hai que planear o territorio tendo en conta que o sistema económico é un subsistema da biosfera, e nós tamén.
- Galicia está sobreexplotada desde a perspectiva da produción hidroeléctrica. Isto, que non sería un fenómeno grave pensando na exportación do excedente de enerxía producida, si o é desde a óptica do grande custo ambiental que teñen os encoros.
- Debe ser creada a cultura da rebeldía. É preciso que en foros como as Xornadas Ciencia e Territorio, os profesionais presentes comuniquen as súas experiencias, precisamente para que estes foros cumpran o seu papel no intercambio de saberes e de estratexias de ensinanza-aprendizaxe.
|
|
 | Presentación |  |
Xustificación: O ensino non pode ser concibido sen que intente achegar o medio social, natural, económico e cultural á escola. Unha verdadeira escola galega comprometida co seu medio tampouco pode ser concibida sen que procure verdadeiras aprendizaxes significativas a partir do que lle é coñecido ao alumnado.
A partir do ano 2003, Nova Escola Galega e os Departamentos de Ciencias Naturais e Ciencias Sociais do IES Melide propuxeron, nunha convocatoria anual, unhas xornadas de estudo centradas na comarca da Terra de Melide. A convocatoria nacía coa pretensión de ser exemplificadora a respecto do como os educadores e educadoras podemos aproveitar os recursos didácticos que nos ofrece o medio.
Despois de seren exploradas as posibilidades didácticas da Xeoloxía, da Xeomorfoloxía, da Botánica e da Arqueoloxía, a pasada edición das Xornadas pretendeu comezar a análise de todo aquilo que, desde a óptica didáctica, nos pode ofrecer a auga. As VI Xornadas Ciencia e Territorio pretenden afondar en aspectos só bosquexados hai agora un ano, precisamente porque o tratamento específico da problemática que xira arredor da auga é especialmente significativa nuns tempos nos que, ademais da existencia dunhas preocupantes circunstancias ambientais no país, semella que comezamos a ser conscientes de que a auga non é un ben inesgotable.
Obxectivos: 1. Exemplificar na comarca natural da Terra de Melide as estratexias de integración do ensino no territorio. 2. Investigar, para o seu posterior emprego educativo, particularmente, as posibilidades didácticas que nos ofrece a problemática arredor da auga. 3. Realizar labores de investigación e análise, particularmente en aspectos relacionados coa cartografía e a fotointerpretación. 4. Observar a corrección de impactos ambientais producidos por unha acción do ser humano pouco atenta á preservación do medio. 5. Inserir o específico traballo (didáctico e de investigación) no campo da Hidroloxía, no conxunto de oportunidades educativas que nos ofrece o medio. 6. Divulgar experiencias didácticas relacionadas coa auga levadas a cabo nos centros educativos.
Se queres acceder á información da última edición das Xornadas, clica aquí
(máis información)
|
|
 | Documentación |  |
|
|
 | Ficha técnica |  |
Título da actividade: VI Xornadas Ciencia e Territorio. A Auga: Usos e abusos (II).
Datas de celebración: 9, 10 e 11 de setembro do 2008.
Lugar de celebración: Salón de Actos da Biblioteca Municipal de Melide. Instalacións do IES Melide Traballo de campo na comarca da Terra de Melide.
Destinatarios/as: Profesorado de Ensino Secundario do ámbito das Ciencias Sociais. Profesorado de Ensino Secundario do ámbito das Ciencias Naturais. Profesorado de Ensino Primario e Secundario en xeral.
Número máximo de participantes: 50, por rigorosa orde de inscrición.
Nº de horas: 24 (homologación da Consellería de Educación en trámite).
Cotas de inscrición: Ata o 30 de xullo de 2008 Ordinaria: 60 € Socios/as de NEG, parados/as e estudantes: 30 €
Desde o 31 de xullo de 2008 Ordinaria: 70 € S ocios/as de NEG, parados/as e estudantes: 40 €
Forma de pagamento: Entrega ou transferencia bancaria á conta de NEG en Banesto 0030 – 6149 – 15 – 0298019273
Inscrición: Achega do boletín de inscrición xunto co xustificante do pagamento
|
|
|
|