|
 | A Actividade |  |
 | Secretaría |  |
 | Prensa |  |
|
 | Conclusións |  |
- Os/as participantes no IV Encontro de Debate sobre a Educación no Medio Rural celebrado os días 6 e 7 de novembro de 2009 en Boimorto queremos, dende aquí, coa nosa presenza e coas nosas contribucións facer un chamamento en defensa da educación rural. Porque todas e todos nós sabemos que, a pesar das carencias de medios e recursos humanos e materiais, a pesar do illamento e das medidas educativas restritivas, no rural e na nosa escola atópase o cerne da innovación e da calidade.
- Dende Nova Escola Galega pretendeuse coa convocatoria do Encontro mostrar a ilusión, o esforzo e a profesionalidade cos que moitas mestras e mestres están a desenvolver orixinais e innovadores proxectos. Proxectos que dan vida á escola, ao medio no que se desenvolven e que favorecen a adquisición das competencias básicas que a nova normativa promove.
- Queremos tamén convidar ao debate, á reflexión crítica sobre a situación da nosa escola rural e sobre a pertinencia destas competencias no noso medio.
- Considerando a fundamentación das experiencias presentadas e o debate suscitado arredor do traballo educativo por competencias, parece que este planeamento está sendo entendido como unha oportunidade para vincular as necesidades formativas das persoas coas demandas do seu medio vital sobre a base de educar o autoaprecio.
- A fin de manter un discurso e unhas prácticas coherentes co modelo de escola pública que defendemos, cómpre non esquecer a orixe do discurso das competencias, que a vincula ao ámbito económico-empresarial, mantendo, en consecuencia, a necesaria atención para non confundir o sentido e as finalidades educativas do noso traballo pedagóxico.
- A calidade dos proxectos e experiencias presentadas susténtase na idea do educar no autoaprecio de aquilo que nos identifica como comunidade, sen renunciar a axudar ao alumnado a deconstruír e interpretar as súas condicións de vida no rural. Neste marco sinálase a necesidade de mellorar os procedementos e estratexias de participación das familias e doutros actores da contorna co obxecto de xerar as necesarias sinerxías e complicidades educativas.
- A calidade das experiencias presentadas e a necesidade da súa difusión e recoñecemento no ámbito profesional e social, debe implicar un esforzo por parte da administración educativa, como xa se ten reclamado en anteriores ocasións. Nova Escola Galega comprométese, na medida das súas posibilidades, a traballar nesta liña, convocando novas actividades de formación, ofrecendo igualmente espazos de difusión na Revista Galega de Educación, e ampliando as posibilidades da súa páxina web para acoller experiencias de referencia neste ámbito.
- Os/as participantes neste IV Encontro de Debate, facendo propias as conclusións e posicionamentos enunciados en anteriores edicións e que aínda non atoparon resposta, reclaman de maneira urxente a articulación dun plan integral sobre o medio rural, como prioridade para a administración galega en clave de País.
Boimorto, 7 de novembro de 2009
|
|
 | Presentación |  |
Nesta cuarta edición preténdese afondar nalgunhas temáticas que inciden directamente no proceso de cambio que afecta ao medio rural desde hai xa varias décadas. Así, pulsarase a situación actual do medio rural galego, considerando diferentes indicadores e a súa repercusión na calidade de vida das persoas. Igualmente, debaterase sobre o sentido da educación neste contexto, poñendo o foco na análise crítica das competencias nos proxectos educativos desenvolvidos nas nosas escolas.
En liña coas conclusións aprobadas nos tres Encontros anteriores, serán presentadas as propostas e accións dos colectivos e organizacións comprometidos coa defensa da educación no rural, e dedicarase un espazo para a presentación de experiencias educativas, proxectos, recursos innovadores e/ou estudos e investigacións sobre distintos aspectos relacionados co medio rural.
Co obxecto de poñer en valor o potencial educativo do medio rural, aproveitarase didacticamente as experiencias desenvolvidas en diferentes centros de Galicia, ao tempo que se buscará a perspectiva que, sobre a realidade actual da educación no medio rural, teñen diferentes especialistas.
|
|
 | Documentación |  |
|
|
 | Ficha técnica |  |
Título da actividade:
IV Encontro de Debate sobre o Medio Rural "Os nosos proxectos: Acadando as competencias básicas".
Datas de celebración:
6 e 7 de novembro do 2009
Lugar de celebración:
Casa da Cultura do concello de Boimorto (A Coruña).
Destinatarios/as:
Persoal docente do ensino público e concertado, e en paro.
Nº máximo de participantes:
80, por rigorosa orde de inscrición.
Nº de horas:
12 h. (homologación da Consellería de Educación en trámite).
Cotas de inscrición:
Ordinaria: 50 €
Socios/as de NEG e parados/as: 30 €
Forma de pagamento:
Entrega ou transferencia bancaria á conta de NEG en Caixa Galicia 2091-0300-45-3040089500
Inscrición:
Achega do boletín de inscrición xunto co xustificante do pagamento á sede nacional de NEG.
|
|
|
|