Navegación: Inicio Actividades Actividades realizadas Ano 2009 I Curso de Formación sobre o Patrimonio Lúdico 
Usuario
Contrasinal:

A Actividade

Secretaría
Ficha de inscrición
Programa

Prensa
Faro, 20 outubro
Comunicados de prensa
Algunhas referencias na rede
Voz, 8 outubro
Progreso, 8 outubro
Galicia Hoxe, 3 outubro
Galicia Hoxe, 2 outubro
Voz, 26 setembro
Voz, 23 setembro

ATENCIÓN AO CAMBIO DO LUGAR DE CELEBRACIÓN
O curso desenvolverase no CEIP "Mestre Pastor Barral"
Por causa dos espazos dispoñibles, o lugar de celebración do curso trasládase ao CEIP "Mestre Pastor Barral", tamén situado na vila de Melide, na rúa do Camiño Real, xa na saída da estrada de Melide cara a Agolada (na rotonda principal da vila de Melide debe collerse cara ao sur). O CEIP "Mestre Pastor Barral" tamén é coñecido na vila como o "Colexio número 3".  

Pechada a matrícula
Pechada a matrícula
A matrícula no "I Curso de formación sobre o patrimonio lúdico: Os xogos tradicionais, perspectiva educativa" está pechada por térense cuberto todas as prazas dispoñibles. A Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional e Nova Escola Galega agradecen sinceramente o interese manifestado por todas aquelas persoas que formalizaron a súa matrícula, pero tamén por aquelas que solicitaron información sobre a actividade e que non teñen a oportunidade de asistir.  

Presentación
Xogo de tradición cultural, xogo tradicional, xogo popular... é aquel xogo nacido no seo dunha determinada comunidade para dar satisfacción ás súas necesidades lúdicas, necesidades inevitablemente marcadas polo seu modo particular de vida. Os xogos tradicionais forman parte da cultura da comunidade en cuestión como creación propia e singular e son transmitidos de xeración en xeración, de pais a fillos, de avós a netos, implicando esta transmisión unha interrelación entre persoas adultas e nenos/as dun grande valor educativo.

O pobo galego foi quen a crear infinidade de maneiras de dar resposta ás súas propias necesidades lúdicas, ao tempo que tamén tivo a capacidade de transmitir esas creacións ás novas xeracións. Algunhas investigacións demostran que Galicia aparece, só despois do País Vasco e Navarra, no segundo grupo de comunidades autónomas españolas polo seu número de xogos e deportes tradicionais, e mesmo polo seu nivel de preservación e vixencia. Os xogos populares galegos están sempre plenamente enraizados no medio, pero unha das súas virtualidades esenciais é que permiten ser recreados e modificados constantemente.

O proceso de recompilación e de divulgación do patrimonio lúdico galego colleu certa forza nas últimas décadas pois, ademais de teren aparecido estudos que catalogan e analizan os xogos galegos, téñense posto en marcha iniciativas de recuperación desde moi variadas perspectivas, pero sobre todo desde o ámbito escolar. O proceso de recuperación dos xogos tradicionais en Galicia desde os centros escolares debe pasar pola catalogación dos xogos da contorna e pola análise e divulgación da recolla efectuada, pero tamén polo deseño de actividades de divulgación, desde os propios currículos de todas e cada unha das áreas ou materias escolares ata os tempos de lecer ou a vida ordinaria dos centros.

Obxectivos previstos:

1. Analizar o xogo tradicional desde a perspectiva teórica: Nocións básicas, o xogo como manifestación cultural, o xogo como necesidade vital do ser humano, o xogo e o xogo popular/tradicional...

2. Coñecer as características específicas dos xogos tradicionais galegos e o estado da cuestión en canto ao seu estudo.

3. Poñer en común o papel do xogo tradicional na educación e as estratexias de introdución do patrimonio lúdico galego no ámbito escolar.

4. Coñecer as estratexias de recuperación do patrimonio lúdico galego que se están desenvolvendo desde diferentes ámbitos, e debater sobre outras posibles.

5. Practicar unha importante batería de xogos de diferente tipoloxía e poñer en común variantes dos xogos propostos, e mesmo xogos novos.


Conclusións
Sobre o patrimonio lúdico galego e a súa posta en valor

1. Recoñécese unha “dobre visión” do xogo. Por unha parte o xogo ten un valor por si mesmo, como o teñen outros elementos ou manifestacións da cultura popular (lingua, arquitectura, etc.) que forman parte da nosa armazón cultural. Pero tamén ten un gran valor educativo, e por iso debe ser introducido no ámbito da escola, tanto nas programacións das diferentes disciplinas (ou en proxectos interdisciplinares) coma en actividades extra-curriculares (dinamización de recreos, por exemplo).

2. Se somos quen de poñer en valor os xogos populares e tradicionais conseguiremos achegar un anaco máis de saber á cultura popular galega. O xogo é algo “serio” e a súa difusión, un traballo en prol do que é máis de noso.

3. Resulta fundamental a recuperación dos espazos (na cidade, na vila, na aldea...) onde integrar e recuperar os nosos xogos e que hoxe case non existen. O xogo popular non é unha actividade “esixente” en canto a recursos (todo o contrario, máis ben), pero si precisa dun espazo axeitado ao aire libre que cumpra certos requisitos.

4. É preciso que se convoquen foros de formación e de debate sobre os xogos populares e tradicionais, tendo en conta todos e cada un dos aspectos que permitan analizalos na súa globalidade. Faise necesaria tamén a convocatoria de encontros onde sexa posible, realmente, aprender a practicalos coa debida demora.

5. As institucións públicas, e nomeadamente o goberno galego desde diferentes chanzos, teñen un papel reservado de suma importancia no deseño e dinamización dos procesos de recuperación e posta en valor do patrimonio lúdico. O Plan Estratéxico dos Xogos e Deportes Populares e Tradicionais antóllase como unha ferramenta de enorme utilidade se é plenamente desenvolvido.


Sobre o patrimonio lúdico galego do punto de vista específico da escola

6. Obsérvase a necesidade dunha presenza (de índole práctica) do xogo popular e/ou tradicional dentro do sistema educativo regrado.

7. Saliéntase o seu valor como elemento motivador para a socialización, e tamén como base ou referencia para aprendizaxes máis complexas.

8. Outro dos grandes valores educativos do xogo popular e tradicional ten que ver con que os materiais (caso de se precisar) proceden do contorno. Ese é un camiño que se opón con éxito ao consumismo imperante, e ademais combate con eficacia unha certa tendencia “facilitadora” que padecemos e que consiste en converter aos nenos e nenas en meros receptores de formas de ocio onde todo se lles dá feito. Os xogos populares e tradicionais –e mais os xoguetes- espertan a creatividade.

9. Sería desexable que, na práctica nos centros educativos, o xogo popular e tradicional axudase a rachar coa discriminación por razón de sexo. Os xogos foron, nalgún tempo, máis propios de nenos ou nenas en función duns condicionamentos socioeconómicos que agora xa non se dan. Agora é o momento de coeducar, tamén a través do xogo popular e tradicional.

10. Nos procesos de recuperación do patrimonio lúdico desde o ámbito escolar, as familias teñen reservado un papel extremadamente importante, tanto como fornecedoras de información como na súa función de axentes directos de dinamización. Precisamente por iso non poden ser obviadas no deseño deses procesos.


Documentación
As iniciativas de recuperación do xogo tradicional en Europa. Artigo de Erik De Vroede, do Centrum voor Sportcultuur (Flandres)
Un necesario recoñecemento para os xogos tradicionais. Artigo de Guy Jaouen, Presidente da Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais
O xogo popular como recurso escolar. Artigo de Antón Cortizas
A recuperación dos espazos de xogo. Artigo de Manolo Charrancas
Os xogos tradicionais galegos desde a perspectiva evolutiva
Proposta de fichas de catalogación dos xogos tradicionais
Estratexias de recuperación do xogo tradicional desde os concellos e as asociacións de base
Estratexias de recuperación do xogo tradicional desde o ámbito escolar
Carta Internacional dos Xogos e Deportes Tradicionais
Bibliografía básica

A Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional

Ficha técnica
Título da actividade:
I CURSO DE FORMACIÓN SOBRE O PATRIMONIO LÚDICO. "Os xogos tradicionais. Perspectiva educativa".

Datas de celebración:
2 e 3 de outubro de 2009.

Lugar de celebración:
Melide

Destinatarios/as:
Profesorado de Ensino Primario e Secundario en xeral.

Número máximo de participantes:
60 (ampliadas a 80) por rigorosa orde de inscrición.

Nº de horas: 
12 (homologación da Consellería de Educación en trámite).

Cotas de inscrición:
Ata o 27 de setembro de 2009
Ordinaria: 25 €
Socios/as de NEG, parados/as e estudantes: 15 €

Desde o 28 de setembro de 2009
Ordinaria: 35 €
Socios/as de NEG, parados/as e estudantes: 25 €

Forma de pagamento:
Transferencia bancaria á conta da AGXPT en Caixa Galicia 2091– 0337– 84– 3040006072

Inscrición:
Achega do boletín de inscrición xunto co xustificante do pagamento




Nova Escola Galega - San Clemente 18-baixo - 15705 Santiago de Compostela - Tel/Fax 981 562 577 - neg@mundo-r.com