|
 | A Actividade |  |
 | Secretaría |  |
 | Prensa |  |
|
 | Aloxamento en Baralla |  |
Outros establecementos nos que é posible pernoctar
Ante algunhas dificultades xurdidas para atopar aloxamento en Baralla, pregamos que cada persoa interesada confirme o seu cuarto persoalmente. Ademais das dúas posibilidades que aparecen no programa da actividade, nestes establecementos tamén é posible conseguir aloxamento:
- Fonda Zarralleiro (982 363 331).
- Pensión O Vilarpunteiro (982 363 341).
- Casa Lexo (982 363 306).
|
|
 | Presentación |  |
O ensino non pode ser concibido sen que intente achegar o medio social, natural, económico e cultural á escola. É por iso polo que a partir do ano 2003, Nova Escola Galega e os Departamentos de Ciencias Naturais e Ciencias Sociais do IES Melide propuxeron, nunha convocatoria anual, unhas xornadas de estudo, inicialmente centradas na comarca da Terra de Melide, pero que a partir deste ano se amplían a todo o ámbito galego.
A convocatoria nacía coa pretensión de ser exemplificadora a respecto de como os educadores e educadoras podemos aproveitar os recursos didácticos que nos ofrece o medio, e niso seguimos, aínda que o currículo relativo ao medio físico parece minguar a cada curso que pasa (desaparición das materias de Xeoloxía e Ciencias Medio Ambientais, optatividade para a materia de Ciencias da Terra, marxinalidade para a de Xeografía de Galicia...).
Despois de seren exploradas as posibilidades didácticas da Xeoloxía, da Xeomorfoloxía, da Botánica, da Arqueoloxía, da Auga (I e II) e dos Procesos glaciares e periglaciares en Galicia, as VIII Xornadas Ciencia e Territorio pretenden afondar en aspectos moi concretos da Xeoloxía galega. Aproveitando o evento do Xacobeo 2010 e, en concreto, a ruta do chamado Camiño Francés, que corta case perpendicularmente os diferentes tipos litolóxicos e estruturas xeolóxicas da Galicia oriental, faremos un transecto leste-oeste da mesma estudando os aspectos antes referidos.
Obxectivos da actividade
1. Coñecer in situ os diferentes tipos litolóxicos da Galicia oriental. 2. Coñecer in situ diferentes estruturas xeolóxicas da Galicia oriental. 3. Coñecer, para o seu posterior emprego educativo, particularmente, as posibilidades didácticas que nos ofrecen os aspectos xeolóxicos antes referidos. 4. Comprender a importancia dos recursos xeolóxicos. 5. Coñecer o traballo de investigación, relativo ao obxecto destas Xornadas, levado a cabo no ámbito universitario.
Se queres acceder á última edición celebrada, clica aquí
(máis información)
|
|
 | Conclusións |  |
1. Galicia constitúe unha rexión natural especialmente rica desde a perspectiva xeolóxica e, como necesaria consecuencia, tamén desde a óptica paisaxística. Non existen talvez manifestacións xeolóxicas especialmente singulares polo seu tamaño, pero si pode afirmarse que ao longo de todo o país poden atoparse mostras de moi diversas épocas e de moi diferentes características, o que provoca que, no seu conxunto, constitúa un territorio moi interesante desde unha visión didáctica.
2. Alén das diferentes dimensións que provocan que o Camiño Francés a Santiago sexa a ruta cultural europea máis importante, existe unha outra dimensión, a xeolóxica, que debe comezar a considerarse. No Camiño, en efecto, poden atoparse todo tipo de manifestacións petrolóxicas e estruturais.
3. A zona elixida para estudo nesta edición das Xornadas permite, á súa vez, analizar manifestacións xeolóxicas de moi diversa índole. Particularmente significativa resulta, por exemplo, a Falla de Triacastela, moi interesante desde a perspectiva educativa porque pode observarse doadamente.
4. A Depresión de Sarria, obxecto de análise no terceiro día das Xornadas, aínda a pesar de non constituír o territorio galego de formación máis recente, si representa en certa maneira unha sorte de Galicia nova, que permitiu o asentamento da poboación pola dimensión agro-gandeira que posibilita o seu chan e o seu momento de formación.
5. O karst –en galego, groba ou grobo- de Cruzul, a carón do seu inmenso aciñeiral, representa dun xeito absolutamente visible –e precisamente por iso especialmente interesante desde a didáctica- a acción da auga sobre as calizas. E este fenómeno é singular no conxunto do país precisamente por non ser o galego un territorio onde a caliza sexa frecuente.
6. Aparecen precisamente en Cruzul asociadas as calizas ao aciñeiral, formando un conxunto de recursos naturais digno de ser analizado desde a visión didáctica. O aciñeiral de Cruzul, por outra parte, é o máis setentrional de Europa, lonxe xa do medio climático estritamente mediterráneo.
7. Desde a perspectiva educativa, as características xeolóxicas de Galicia están apenas explotadas, e este feito derívase fundamentalmente do grande descoñecemento existente entre o profesorado sobre elas. Desde esta óptica, faise necesaria a convocatoria de máis actividades de formación do profesorado sobre a cuestión.
8. Moitas manifestacións xeolóxicas acaban recibindo un nome asociado ao lugar onde foron identificadas por primeira vez. É o caso da propia falla de Triacastela, pero tamén da capa de Riotorto, da capa de Vilameá, da serie de Vilalba... Localmente, este feito debe posibilitar un tratamento didáctico específico, no camiño do coñecemento do medio inmediato e, incluso, do reforzamento da propia autoestima.
9. Por outra banda, as persoas asistentes á actividade ratifícanse no convencemento de que é necesario dar a coñecer os lugares máis axeitados para desenvolver dun xeito práctico actividades co alumnado.
10. Paralelamente, faise necesario reivindicar a necesidade do estudo da Xeoloxía no ensino secundario, precisamente nun momento no que algún elemento do currículo en estreita relación co medio semella estar sendo paseniñamente esquecido. Constátase esta situación, por exemplo, no caso da disciplina das Ciencias da Terra de do Medioambiente.
|
|
 | Documentación |  |
|
|
 | Ficha técnica |  |
Título da actividade: VIII Xornadas Ciencia e Territorio. Aspectos xeolóxicos no Camiño de Santiago (I).
Datas de celebración: 9, 10, 11 e 12 de setembro do 2010.
Lugar de celebración: Salón de Actos da Biblioteca Municipal de Melide. Traballo de campo en diferentes lugares de Galicia.
Destinatarios/as: Profesorado de Ensino Secundario do ámbito das Ciencias Sociais. Profesorado de Ensino Secundario do ámbito das Ciencias Naturais. Profesorado de Ensino Secundario en xeral.
Número máximo de participantes: 50, por rigorosa orde de inscrición.
Nº de horas: 24 (homologación da Consellería de Educación en trámite).
Cotas de inscrición: (A matrícula inclúe os traslados en autobús e os xantares de campo).
Ata o 29 de xullo de 2010 Socios/as de Nova Escola Galega: 40 €. Parados/as: 50 € (é precisa xustificación documental). Cota ordinaria: 80 €.
Desde o 30 de xullo de 2010 Socios/as de Nova Escola Galega: 50 €. Parados/as: 60 € (é precisa xustificación documental). Cota ordinaria: 90 €.
Forma de pagamento: Ingreso ou transferencia bancaria á conta de Nova Escola Galega en CAIXA GALICIA: 2091 – 0300 – 45 – 3040089500
Inscrición: Achega do boletín de inscrición xunto co xustificante do pagamento.
|
|
|
|