Navegación: Inicio Actividades Actividades realizadas Ano 2010 II Curso de Formación sobre o Patrimonio Lúdico 
Usuario
Contrasinal:

A Actividade

Secretaría
Memoria da actividade
Inscrición en liña
Programa
Ficha de inscrición

Prensa
Voz, 14 outubro
Voz, 3 setembro

Presentación
Xogo de tradición cultural, xogo tradicional, xogo popular... é aquel xogo nacido no seo dunha determinada comunidade para dar satisfacción ás súas necesidades lúdicas, necesidades inevitablemente marcadas polo seu modo particular de vida. Os xogos tradicionais forman parte da cultura da comunidade en cuestión como creación propia e singular e son transmitidos de xeración en xeración, de pais a fillos, de avós a netos, implicando esta transmisión unha interrelación entre persoas adultas e nenos/as dun grande valor educativo.

O pobo galego foi quen a crear infinidade de maneiras de dar resposta ás súas propias necesidades lúdicas, ao tempo que tamén tivo a capacidade de transmitir esas creacións ás novas xeracións. O patrimonio lúdico galego é un dos máis ricos da Península Ibérica, e o proceso de recompilación e de divulgación dos xogos tradicionais galegos colleu certa forza nas últimas décadas pois, ademais de teren aparecido estudos que catalogan e analizan os xogos galegos, téñense posto en marcha iniciativas de recuperación desde moi variadas perspectivas, pero sobre todo desde o ámbito escolar.

No ano 2009, a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional e Nova Escola Galega organizaron en Melide unha actividade de formación que pretendeu achegar o estudo do patrimonio lúdico ao ámbito educativo. A resposta obtida por aquela convocatoria téndose esgotado todas as prazas ofertadas, provocou que se concibise esta segunda edición do Curso, desta volta centrada máis especificamente nalgunhas didácticas específicas, pero na que non se esquecen perspectivas máis globais –institucións europeas, universitarias, gobernos locais, ámbitos empresarial...– co obxectivo de ir construíndo unha visión o máis completa posible dos procesos de recuperación dos patrimonios lúdicos nacionais. 

Obxectivos:

1. Achegarse á cuestión do xogo tradicional desde unha óptica global, atendendo aos procesos de recuperación do patrimonio lúdico que se están desenvolvendo desde diferentes ámbitos.

2. Analizar o xogo tradicional como manifestación cultural, e especial o seu papel específico na construción da identidade.

3. Poñer en común a función do xogo tradicional na educación e as estratexias de introdución do patrimonio lúdico galego no ámbito escolar.

4. Investigar posibles estratexias de recuperación do patrimonio lúdico galego desde o ámbito dalgunhas didácticas específicas e valorar o seu papel no desenvolvemento dos procesos educativos.

5. Practicar unha importante batería de xogos de diferente tipoloxía e poñer en común variantes dos xogos propostos, e mesmo xogos novos.

Se queres acceder á anterior edición celebrada, clica aquí

(máis información)

Conclusións
1. O proceso de recuperación e posta en valor do patrimonio lúdico galego, que tomou pulo especialmente na última década, precisa –entre outras liñas de acción– da convocatoria de actividades de formación dirixidas aos educadores/as. Estas actividades deben ser asumidas, tamén, pola administración educativa galega, como incipientemente ocorreu xa durante algún tempo.

2. As iniciativas e proxectos globais de recuperación dos patrimonios lúdicos nacionais estanse sucedendo dun xeito vigoroso en toda a contorna europea próxima. Felizmente, Galicia non é allea a estes procesos pois estanse dando pasos para a articulación dun tecido coherente de iniciativas, diversas na súa orixe –clubs deportivos, asociacións, centros educativos, concellos, empresas... – pero cun obxectivo común único.

3. O xogo tradicional é o reino do “coma se”, constituíndo en si mesmo unha realización humana, sen finalidade extrínseca de ningunha clase, onde precisamente o ser humano pode manifestarse en toda a súa plenitude. Por esta razón, o xogo tradicional –libre, espontáneo, con regras negociables e inviolables, que utiliza, só cando o precisa, un xoguete tirado da contorna...– tórnase como unha das máis elementais e frutíferas ferramentas formativas que os educadores/as teñen na súa man.

4. Recoñécese unha “dobre visión” do xogo. Por unha parte o xogo ten un valor por si mesmo, como o teñen outros elementos ou manifestacións da cultura popular –lingua, arquitectura... – que forman parte da nosa armazón cultural. Pero tamén ten un gran valor educativo, e por iso debe ser introducido no ámbito da escola, tanto nas programacións das diferentes disciplinas –ou en proxectos interdisciplinares– como en actividades extra-curriculares –dinamización de recreos, por exemplo–. Durante o desenvolvemento do Curso, e en especial nos obradoiros nos que se traballaron aspectos de ata catro disciplinas curriculares diferentes, esta posibilidade quedou plenamente demostrada.

5. Resulta fundamental a recuperación –na cidade, na vila, na aldea...– dos espazos tradicionais onde se xogou sempre. O xogo tradicional non esixe grandes recursos –todo o contrario, máis ben– pero si precisa dun espazo axeitado ao aire libre que cumpra certos requisitos. Particularmente significativa resultou, neste sentido, a referencia do profesor Pere Lavega á experiencia de recuperación-conversión dunha vila catalá, por un día, nun inmenso campo de xogo.

6. As institucións públicas, e nomeadamente o goberno galego desde diferentes chanzos, teñen un papel reservado de suma importancia no deseño e dinamización dos procesos de recuperación e posta en valor do patrimonio lúdico. O Plan Estratéxico dos Xogos e Deportes Populares e Tradicionais antóllase como unha ferramenta de enorme utilidade se é de novo considerado e plenamente desenvolvido.

7. Nos procesos de recuperación do patrimonio lúdico desde o ámbito escolar, as familias teñen reservado un papel extremadamente importante, tanto como fornecedoras de información como na súa función de axentes directos de dinamización. Precisamente por iso non poden ser obviadas no deseño deses procesos.

8. O xogo tradicional aparece como motivo recorrente nas manifestacións artísticas ao longo da historia, sexa cal sexa a época que contemplemos. E isto é así porque o xogo tivo historicamente unha presenza absolutamente relevante no día a día de calquera grupo social. Por unha parte, a historia da humanidade non pode interpretarse sen contemplar o xogo; por outra, a historia da arte pode analizarse utilizando o xogo tradicional como fío condutor, sendo este aínda un traballo apenas desenvolvido.

9. Sendo meritorio xa o momento no que se atopa a investigación sobre as prácticas lúdicas tradicionais galegas, e existindo un número importante de traballos de catalogación, seguen sendo necesarios proxectos de recollas zonais que impidan a desaparición de modalidades de xogos locais, doutra maneira difíciles de conservar.

10. Hai apenas unha década as persoas interesadas na posta en valor do patrimonio lúdico galego formaban un grupo reducido. Hoxe en día existen infinidade de proxectos e iniciativas ao longo de todo o país que esixen a existencia dunha rede global que os integre e que, ao tempo, coordine actividades, na súa orixe con finalidades moi diversas. Desde a perspectiva estritamente escolar faise necesaria, á súa vez, a convocatoria de encontros de xogos tradicionais como os que ten promovido a Rede Galega do Xogo Tradicional Brinquedia, e mesmo outro tipo de iniciativas incardinadas en programas sobre a actividade física dirixidos ao alumnado.


Documentación
Páxina de Brinquedia con recursos para adquirir materiais para practicar xogos tradicionais
Publicación sobre os xogos do Concello de Dodro con traballo de campo realizado pola empresa XENEME
Montaxe sobre as canchas de xogo construídas polo Concello de Arzúa
Unha das actividades do obradoiro de Natureza e Tecnoloxías: O muíño de auga
Traballo final correspondente a unha das actividades do obradoiro de Arte
Baleirado do currículo. Coñecemento do Medio - Primaria
Baleirado do currículo. Ciencias da Natureza e Tecnoloxías - ESO
Baleirado do currículo. Educación Artística - Primaria
"Os brinquedos e enredos tradicionais: A transformación lúdica da natureza", artigo de Antón Cortizas
"Xogos tradicionais, emocións e educación de competencias", conferencia inaugural de Pere Lavega
"Educación motriz y dominios de acción motriz", artigo de Pere Lavega

Galerías fotográficas
Galería 4 (foto a foto)
Galería 4 (presentación)
Galería 3 (foto a foto)
Galería 3 (presentación)
Galería 2 (foto a foto)
Galería 2 (presentación)
Galería 1 (foto a foto)
Galería 1 (presentación)

A AGXPT

Ficha técnica
Título da actividade:
II CURSO DE FORMACIÓN SOBRE O PATRIMONIO LÚDICO. "O xogo tradicional e as didácticas específicas".

Datas de celebración:
22 e 23 de outubro de 2010.

Lugar de celebración:
Melide
Instalacións do CEIP "Mestre Pastor Barral"

Destinatarios/as:
Profesorado de Ensino Primario e Secundario en xeral.
Educadores/as en xeral.

Número máximo de participantes:
90, por rigorosa orde de inscrición.

Nº de horas: 
12 (homologación da Consellería de Educación en trámite).

Cotas de inscrición:
Ata o 15 de outubro de 2010
Ordinaria: 40 €
Parados/as e estudantes: 30 €
Socios/as de NEG: 20 €

Desde o 16 de outubro de 2010
Ordinaria: 50 €
Parados/as e estudantes: 40 €
Socios/as de NEG: 30 €

Forma de pagamento:
Transferencia bancaria á conta da AGXPT en Caixa Galicia 2091– 0337– 84– 3040006072

Inscrición:
Achega do boletín de inscrición xunto co xustificante do pagamento




Nova Escola Galega - San Clemente 18-baixo - 15705 Santiago de Compostela - Tel/Fax 981 562 577 - neg@mundo-r.com