En Trives naceu en 1900 o poeta e mestre Manuel Luís Acuña, e en torno á súa figura véñense celebrando diversas actividades desde o centenario do seu nacemento, divulgando a súa obra literaria e o seu labor como educador renovador, que sería represaliado polo franquismo en 1936.
É importante manter vivo entre o maxisterio da comarca o recordo de tan ilustre veciño que tanto contribuíu á cultura galega do primeiro terzo de século e á renovación educativa que tivo o seu momento culminante na II República.
Por iso se celebra este curso, centrado este ano especialmente na cultura galega do primeiro terzo do século XX, no franquismo e na represión sufrida, dende 1936, tanto por Manuel Luís Acuña como por outros mestres e intelectuais ourensáns e galegos.
Obxectivos:
• Afondar nunha etapa importante da historia da escola e da cultura en Galicia,
• Esculcar nun período decisivo para a a cultura galega, como son os comezos do século XX.
• Estudar as consecuencias da represión franquista na educación galega dende 1936.
• Dotar ao profesorado de recursos para comprender mellor o periodo histórico do primeiro franquismo.
• Analizar as publicacións que se teñen editado nos últimos anos sobre o tema.
• Realizar un balanzo relativo á historia dos congresos Acuña.
• Dar a coñecer recursos socioeducativos da comarca trivesa, relacionados co seu contorno natural, intelectual, histórico e cultural.
• Vincular a figura literaria de Valentín Paz-Andrade co universo xeográfico e cultural no que se conformou a personalidade intelectual do poeta de Fírgoas.
A metodoloxía a empregar, fundamentalmente activa, xirará arredor de:
• Conferencias e paneis de expertos, con relatores/as especialistas, co apoio de medios audiovisuais e/ou dixitais.
• Presentación de comunicacións nas que tamén intervirán activamente os asistentes compartindo as súas inquedanzas.
• Mesas redondas.
• Panel de experiencias.
• Saída pola contorna para coñecer recursos socioculturais, literarios e históricos da comarca.