|
 | A Actividade |  |
 | Secretaría |  |
|
 | Presentación |  |
Os ENCONTROS DE DEBATE SOBRE O MEDIO RURAL son unha iniciativa singular que se inicia no ano 2006 e da que se levan desenvolvido seis edicións. Estes encontros teñen carácter interdisciplinar que pretenden achegarlle ao profesorado, á comunidade educativa e á cidadanía reflexións sobre a historia, a actualidade e o futuro do medio rural galego, con especial atención ao papel que neste medio desenvolven a cultura e a educación, ben desde a propia institución escolar ou ben desde outras iniciativas de carácter socioeducativo e comunitario promovidas por institucións e asociacións de ámbito cultural.Desde os seus comezos pretendeu servir de espazo de encontro e confluencia para dar a coñecer e impulsar accións a prol dun futuro sustentable para o medio rural. Nesta dirección, o papel da cultura e da educación adquire unha importancia estratéxica, tal e como o recoñecen distintos organismos internacionais.
A escola rural, inserida no seu medio e permeable á cultura comunitaria, é considerada como un laboratorio pedagóxico capaz de promover experiencias que acadan sempre recoñecemento no ámbito profesional e unha forte consideración nas súas comunidades de referencia e entre a cidadanía. No pasado, a escola rural foi considerada un referente cultural –ás veces o único– de primeira magnitude. Aquelas escolas comunitarias son o xerme do que hoxe se considera un dos referentes pedagóxicos máis ricos, as denominadas “comunidades de aprendizaxe”. Experiencias que contan coa capacidade pedagóxica da propia comunidade e que contribúen á consecución de aprendizaxes máis significativos e de vivencias que axudan ao desenvolvemento integral das persoas en formación. Experiencias que desenvolven, da man da cultura e nos nosos territorios, verdadeiros espazos para a formación permanente ao longo da vida.
Esta VII edición dos ENCONTROS DE DEBATE SOBRE O MEDIO RURAL: CULTURA E SOCIEDADE ten previsto celebrarse na Granxa de Barreiros (Sarria). A elección deste espazo relaciónase directamente co propósito de poñermos de relevancia a experiencia pedagóxica e cultural de orientación agropecuaria desenvolvida alí a mediados do século pasado, e de recoñecermos nela a pegada de Avelino Pousa Antelo e de Valentín Arias López, persoas dinamizadoras destas iniciativas nese contexto e cunha especial sensibilidade a prol do medio rural desde unha visión propia, en clave de país, no que hoxe podería cualificarse de emprendedurismo endóxeno e proactivo.
|
|
 | Documentación |  |
|
|
 | Ficha técnica |  |
Nome da actividade: VII ENCONTRO DE DEBATE SOBRE O MEDIO RURAL: CULTURA E SOCIEDADE.
Datas e lugar de celebración: 27 e 28 de setembro do 2013. Granxa de Barreiros (Sarria)
Custo da matrícula:
Ata o 17 de setembro de 2013: Socios/as de Nova Escola Galega: 20 euros. Desempregados/as: 30 euros. Cota ordinaria: 40 euros.
A partir do 18 de setembro de 2013: Socios/as de Nova Escola Galega: 30 euros. Desempregados/as: 40 euros. Cota ordinaria: 50 euros.
Pensión completa (cea, durmir, xantar e almorzo): 25 euros sobre o custo da matrícula. Xantares soltos: 8 euros cada un. *(O custo da pensión completa ingresarase xunto coa matrícula. Os xantares soltos pagaraos cada quen no momento.)
Forma de pagamento: Transferencia bancaria á conta de Nova Escola Galega en Nova Galicia Banco: 2080 0300 85 3040089500
Valoración en horas: 12 horas (en trámite a homologación por parte da Consellería de Educación e OU).
Destinatarios/as: Persoal docente do ensino público e concertado, e en paro.
Número máximo de participantes: 80, por rigorosa orde de inscrición.
Información, contacto e inscricións:
Nova Escola Galega R/ San Clemente 18, baixo. 15705. Santiago de Compostela. Telf./Fax: 981562577 neg@mundo-r.com
|
|
|
|