Navegación: Inicio Actividades Actividades realizadas Ano 2016 IX ENCONTRO DE DEBATE SOBRE O MEDIO RURAL 
Usuario
Contrasinal:

A Actividade

Secretaría
- PROGRAMA DA ACTIVIDADE
- FOLLA DE INSCRICIÓN

Presentación

 Os ENCONTROS DE DEBATE SOBRE O MEDIO RURAL son unha iniciativa singular de Nova Escola Galega que comeza no ano 2006, ano a partir do cal se teñen desenvolvido oito edicións, que retoman a xeira doutros catro Encontros realizados nos últimos anos oitenta. Estes foros interdisciplinares pretenden achegarlle ao profesorado, á comunidade educativa e á sociedade no seu conxunto reflexións sobre a historia, a actualidade e o futuro do medio rural galego, con especial atención ao papel que neste medio desenvolven a cultura e a educación, ben desde a propia institución escolar ou ben desde outras iniciativas de carácter socioeducativo e/ou comunitario promovidas por entidades diversas e asociacións do eido cultural. Desde os seus principios esta actividade procurou servir de espazo de encontro e confluencia de diferentes profesionais e colectivos galegos (sobre todo locais) e de fóra de Galiza, para dar a coñecer e impulsar accións a prol dun futuro sustentable para o medio rural, horizonte no que o papel da cultura e da educación adquire unha importancia estratéxica, tal e como afirman distintos organismos internacionais.

 

A escola rural, se está inserida no seu medio e é permeable á cultura comunitaria, pode ser entendida como un laboratorio pedagóxico capaz de promover experiencias de alto valor profesional para as e os docentes e moi valiosas para as comunidades onde se asenta. No pasado, a escola rural foi entre nós na maior parte dos casos un instrumento de destrución cultural e social e só en escasas ocasións puido ser valorada como referente cultural –ás veces, o único– de primeira magnitude. Cando isto aconteceu púidose falar de escolas comunitarias, xermolo posible do que hoxe se considera un dos patróns pedagóxicos máis ricos: as denominadas “comunidades de aprendizaxe”. Estas experiencias contan coa potencia pedagóxica da propia veciñanza e contribúen á consecución de aprendizaxes significativas e de vivencias que axudan ao desenvolvemento integral das persoas en formación; son experiencias que desenvolven, da man da cultura e nos nosos particulares territorios de convivencia, verdadeiros espazos para a formación permanente ao longo da vida.

 

Nesta liña de traballo atópase a comunidade educativa do colexio Centro Público Integrado de Cervantes, coas nais do alumnado á cabeza na defensa dunha educación con dignidade para as zonas de montaña de Galiza. A elección desta escola como sede deste IX Encontro, que nesta ocasión levará por título A EDUCACIÓN SOÑADA NA MONTAÑA, pretende pois poñer en valor o labor que desde ela se realiza e, ao tempo, ofrecerlle o apoio da comunidade de educadores e educadoras rurais e persoas e colectivos defensores do rural de toda Galiza.

 

Tamén queremos reflexionar acerca da necesidade de proxectos de escolarización específicos para o rural, a partir dun modelo de escola integrada no medio, na comunidade local e na cultura rural: como é sabido todo proceso de desenvolvemento sociocultural e educativo necesariamente debe poñer o acento na dimensión comunitaria, e moi especialmente cando se contextualiza no medio rural. Precisamente en Cervantes, a finais dos anos setenta, naceu o “grupo de mestras da montaña”, que puxo en acción un proxecto de escolarización para o rural que merece ser difundido, debatido e posto en valor, que foi modélico na ligazón escola-territorio-comunidade e na implicación das familias, e que pode alimentar un proxecto renovado para o tempo actual. Con certeza, a escolla de Cervantes non é casual.

 

A actividade do Encontro realizarase en horario intensivo o sábado 7 (todo o día) e o domingo 8 (só de mañá) de maio de 2016, e ao longo de todas esas horas de convivencia desenvolveranse diferentes propostas formativas (relatorios, táboas redondas, paneis de experiencias e boas prácticas educativo-rurais, etc.) co seu correspondente espazo de debate e reflexión pedagóxica, pero tamén haberá tempo para analizar a importancia das relacións sociais nun contexto de despoboamento, poñer de manifesto as potencialidades económicas das zonas de montaña a partir da experiencia de proxectos reais en funcionamento, debater sobre a necesidade de que o profesorado que traballa no medio rural conte cunha formación inicial e continua especializadas nese eido, así como gozar da cultura rural galega a través dalgunhas das súas variadas manifestacións: música e baile da terra, poesía de Manuel María e Uxío Novoneyra, literatura oral, xogos tradicionais, artesanía local e patrimonio arqueolóxico castrexo, romano e medieval.

 

O grupo de educación no rural de NEG e a ANPA do CPI de Cervantes convocan pois a profesionais e estudantes dos eidos da educación ou o desenvolvemento rural, familias e calquera persoa preocupada polo futuro do medio rural, a participar nestas dúas xornadas de análise, reflexión e convivencia no espectacular marco das paisaxes de primavera dos Ancares lucenses.

 

 OBXECTIVOS DO ENCONTRO

 

·      Constituírse como punto de encontro de todas aquelas persoas interesadas polo presente e polo futuro do medio rural galego e da súa educación.

·      Ofrecer alternativas de creación cultural, desenvolvemento comunitario, didáctica escolar e planificación educativa, centradas no medio rural e, nesta ocasión especificamente, nos espazos de montaña.

·      Presentar o caso de Cervantes como referente comunitario e educativo dentro das zonas galegas de montaña.

·      Configurar un grupo de acción, que coordine e integre iniciativas xa impulsadas por outros colectivos, que se mobilice e demande da administración autonómica unha mellor atención e coidado da educación na zona rural.

 



Documentación
- Representación da “historia da pita dos Prados”, maio 2016 (alumnado do CPI de Cervantes, co asesoramento do seu profesorado)
- Presentación PPT: A educación soñada na montaña (Alba Trabado)
- Vídeo: A futura Escoliña de Vilar (veciñanza de Negueira de Muñiz)
- Artigo de prensa sobre o Encontro de Cervantes: Galicia Dixital, 23 de maio de 2016 (Mercedes Cachaza)
- Artigo de prensa sobre o Encontro de Cervantes: El Progreso, 13 de maio de 2016 (Mario Outeiro)
- Vídeo: I Olimpíada Tecnolóxica, con participación do CPI de Cervantes (centros rurais de Educación Secundaria da provincia de Lugo)
- Presentación PPT: Iniciativas innovadoras do CPI de Cervantes (Mario Outeiro)

.

Ficha técnica

IX ENCONTRO DE DEBATE SOBRE O MEDIO RURAL. A educación soñada na montaña

7 e 8 de maio- CPI de Cervantes (Lugo)

Sede do Encontro: Centro Público Integrado de Cervantes

Rúa dos Colexios, 5 27664 San Román, Cervantes (Lugo)

Como chegar: https://www.edu.xunta.es/centroseducativos/CargarDetalleCentro.do?codigo=27002353

Destinatarias/os: profesionais e estudantes dos eidos da educación ou do desenvolvemento rural, familias e calquera persoa preocupada polo futuro do medio rural, tanto de Galiza como de fóra.

Matrícula (ata o 3 de maio): socios/as de NEG, 25€; público en xeral, 30€.

 A matrícula dá dereito a un certificado de Nova Escola Galega por 15 horas de asistencia a formación (as prazas son limitadas). Consciente da situación de crise económica que padecemos, a organización facilitará a asistencia ao Encontro a calquera persoa interesada á que o custo da matrícula lle puidese representar unha limitación; tan só tería que indicalo en neg@neg.gal sen máis trámites.

Inscricións: enviarase por correo postal ou electrónico a folla de inscrición cuberta xunto coa copia do ingreso bancario (nº de conta de NEG en ABANCA: ES77 2080 0300 85 3040089500; sinálese claramente nome completo, NIF e concepto “Matrícula Encontro Rural Cervantes”) a:

NOVA ESCOLA GALEGA

Rúa das Hedras, 4-2ºO    15895 Novo Milladoiro, Ames (A Coruña)

Telf./Fax: 981-562577   neg@neg.gal

Aloxamento: Hostal Belón (situado preto do colexio) ten acordado coa organización uns prezos reducidos para as/os asistentes ao Encontro (para beneficiarse destas tarifas, no momento da reserva débese indicar que se trata de asistentes ao Encontro de NEG). Reservas (cuartos de 1, 2, 3 ou 4 camas): Hostal Belón Restaurante, Rúa Deputación, 10.  27664 San Román, Cervantes (Lugo)   telf. 982-364515. Tamén é posible quedar a durmir gratuitamente, tanto venres como sábado, na antiga escola-fogar do colexio, en liteiras con colchón (hai que traer saco de durmir, e poida que non haxa calefacción); quen recorra a esta alternativa deberá sinalalo cun X no lugar correspondente da folla de inscrición.

Comidas: a organización ofrecerá bebida quente e doces tres veces ao longo do Encontro (a media mañá do sábado e do domingo, e a media tarde do sábado). O almorzo e o xantar dos dous días corren por conta dos/das asistentes (recoméndase novamente Hostal Belón). Para participar na cea do sábado (realizarase no propio CPI de Cervantes) hai que sinalar cun X no lugar correspondente da folla de inscrición: o custe aproximado será de 8€, a aboar na mesma cea.

Desprazamento: as persoas que desexen ofrecer prazas no seu vehículo, ou as que precisen praza para viaxar ata Cervantes, que se poñan en contacto con feryanezmarcelin@gmail.com, indicando as súas circunstancias, teléfono, correo-e e desde onde viaxan. A organización ofreceralles, de ser o caso, e o antes posible, unha alternativa para reducir os gastos de desprazamento. Por suposto queda da man de cada participante acordar cos seus/súas acompañantes o reparto dos gastos da viaxe.

Coidado de nenas e nenos: a Asociación Socio-Pedagóxica Antonio Gandoy ofrece gratuitamente os seus servizos para atender as crianzas das/dos asistentes durante os tempos de actividade do Encontro. Quen precise deste servizo deberá sinalar cun X no lugar correspondente da folla de inscrición.





Nova Escola Galega - San Clemente 18-baixo - 15705 Santiago de Compostela - Tel/Fax 981 562 577 - neg@mundo-r.com