Navegación: Inicio Actividades Actividades programadas X ENCONTRO DE DEBATE SOBRE O MEDIO RURAL 
Usuario
Contrasinal:

A Actividade

Secretaría
- Programa e información práctica
- Folla de inscrición

Prensa
· DdF_2017_03_08
· LVG_2017_03_08

Presentación

Os ENCONTROS DE DEBATE SOBRE O MEDIO RURAL GALEGO son unha iniciativa singular de Nova Escola Galega que comeza en 2006, ano a partir do cal se teñen desenvolvido nove edicións, que retoman a xeira doutros catro Encontros realizados nos últimos anos oitenta. Estes foros interdisciplinares pretenden achegarlle ao profesorado, á comunidade educativa e á sociedade no seu conxunto reflexións sobre a historia, a actualidade e o futuro do medio rural galego, con especial atención ao papel que neste medio desenvolven a cultura e a educación, ben desde a propia institución escolar ou ben desde outras iniciativas de carácter socioeducativo e/ou comunitario promovidas por entidades diversas e asociacións do eido cultural. Desde os seus principios esta actividade procurou servir de espazo de encontro e confluencia de diferentes profesionais e colectivos galegos (sobre todo locais) e de fóra de Galiza, para dar a coñecer e impulsar accións a prol dun futuro sustentable para o medio rural, horizonte no que o papel da cultura e da educación adquire unha importancia estratéxica, tal e como afirman distintos organismos internacionais.

 

Obxectivos

·         Constituírse como punto de encontro de todas aquelas persoas interesadas polo presente e polo futuro do medio rural galego e da súa educación.

·         Ofrecer alternativas de creación cultural, desenvolvemento comunitario, didáctica escolar e planificación educativa, centradas no medio rural.

·         Presentar o proxecto de desenvolvemento rural de Aldea Nova como referente sociocomunitario e socioeducativo dentro das zonas galegas próximas á unha cidade.

·         Configurar un grupo de acción, que coordine e integre iniciativas xa impulsadas por outros colectivos, que se mobilice e demande da administración autonómica unha mellor atención e coidado da educación na zona rural.

·         Análise da situación da escola no medio rural e procura de alternativas encamiñadas á elaboración dun plan específico de educación no rural.

·         Poñer en valor o potencial da pedagoxía Freinet na procura doutros modelos educativos, adaptados a contextos rurais.



Documentación

Ficha técnica

X ENCONTRO DE DEBATE SOBRE O MEDIO RURAL GALEGO

“NA PROCURA DUN PLAN DE EDUCACIÓN ESPECÍFICO PARA O RURAL”

Coas mans na terra, empoderando o rural

Parque temático do mundo rural “Aldea Nova”, Sedes (Narón)

31 de marzo, 1 e 2 de abril de 2017

Homologación: solicitadas 15 horas de formación homologadas pola Xunta.

 

Destinatarias/os: profesionais e estudantes dos eidos da educación ou do desenvolvemento rural, familias, ANPAS e calquera persoa preocupada polo futuro do medio rural.

 

Matrícula (ata o 27 de marzo):

Socios/as de NEG, 25 €

Desempregados/as 25 €

Xeral 35 €

*A todas as persoas matriculadas ofreceráselles gratuitamente o almorzo os días 1 e 2 de abril e os cafés dos descansos. Tamén se lles entregarán na mesa da organización 15 € repartidos en 3 bonos-desconto de 5 €, que serán entregados do seguinte modo: un o venres 31 para a cea dese día, outro o día 1 pola mañá para o xantar e o outro o día 1 pola tarde para a cea. Ademais, as 40 primeiras persoas en matricularse, por orde de inscrición, poderán aloxarse gratuitamente os días 31 de marzo e 1 de abril de 2017 no albergue de Aldea Nova (ver máis información sobre desprazamentos e aloxamento no políptico).

 

Inscricións: enviarase por correo electrónico ou postal o formulario (folla de inscrición) cuberto xunto coa copia do ingreso bancario (nº de conta de NEG en ABANCA: ES77 2080 0300 85 3040089500; sinálese claramente nome completo, NIF e concepto “Matrícula Encontro Rural de Sedes, Narón”) a: NOVA ESCOLA GALEGA - Rúa das Hedras, 4-2ºO - 15895 Novo Milladoiro, Ames (A Coruña)

neg@neg.gal





Nova Escola Galega - San Clemente 18-baixo - 15705 Santiago de Compostela - Tel/Fax 981 562 577 - neg@mundo-r.com