Navegación: Inicio Actividades Actividades realizadas Ano 2017 VIII SEMINARIO SOBRE A MEMORIA HISTÓRICA 
Usuario
Contrasinal:

A Actividade

Secretaría
Avaliación do Seminario
Álbum fotográfico do Seminario
Ficha de inscrición
Programa

Prensa
Segundo artigo de Xoán Carlos Domínguez Alberte en 'Sermos Galiza'
Artigo de Xoán Carlos Domínguez Alberte en 'Sermos Galiza'

Presentación
A convocatoria do Seminario constitúe, globalmente, unha proposta para a reconstrución da memoria histórica no contexto escolar. Preténdese suxerirlles aos asistentes unha reflexión sobre diferentes aspectos relacionados coa represión durante o franquismo. O obxectivo último do Seminario persegue posibilitar un mellor coñecemento do noso pasado máis recente e provocar tamén que a actualización dos coñecementos sobre os temas abordados nesta edición contribúa, no alumnado indirectamente beneficiario da reflexión, á comprensión do presente e á adopción dunha actitude responsable e solidaria na defensa da liberdade, da democracia e da xustiza.



Conclusións
Síntese das principais conclusións ás que os asistentes chegaron no momento da avaliación grupal da actividade:

1. A actividade, igual que nas edicións precedentes, segue considerándose como un interesante exercicio de análise e comprensión dun fenómeno histórico moitas veces descoñecido e, outras, declaradamente ignorado. Neste sentido, faise necesario continuar afondando no seu estudo.
 
2. A metodoloxía de traballo adoptada polo Seminario, combinando testemuñas de persoas que viviron directamente a represión –caso dos propios guerrilleiros, outras persoas represaliadas e os seus familiares– e exposicións de investigadores sobre as distintas temáticas, co recoñecemento de espazos nos que se desenvolveron moi diferentes episodios da represión é, posiblemente, unha das razóns que explica o interese que esta actividade suscita e a súa continuidade no tempo. A contextualización do relato da represión en lugares concretos atrae a participación da cidadanía directamente interesada , feito que enriquece o propio Seminario, integrado fundamentalmente por docentes.

3. É unha realidade que moitos aspectos da “Memoria” apenas están investigados aínda. Paralelamente, a implicación didáctica de todo o relacionado con ela está, se cabe, nun momento de análise aínda máis primitivo, razón pola cal se fai necesario afondar tamén nesta liña de traballo.

4. Crese moi necesaria a visibilización de feitos e de realidades, pero tamén é preciso valorar por que a reflexión sobre a represión non chega a camadas amplas da poboación, por que sempre as sensibilizadas son as mesmas persoas... E por que tampouco chega á xente moza.

5. A Guerra Civil foi, sen dúbida, un fracaso colectivo. Desde esta óptica, nada impide –e mesmo sería saudable– que a “Memoria” aborde calquera situación que se teña dado... desde calquera dos bandos.

6. Desde esta perspectiva tamén, a sociedade, e o ámbito educativo en especial, necesitan dunha revisión histórica da narrativa do que aconteceu desde a Guerra Civil ata hoxe en día. Unha revisión de todas as partes participantes para poder transmitir un coñecemento real do sucedido.

7. Entende o Seminario que para que crimes desta gravidade non volvan repetirse é preciso garantir unha profunda conciencia pública do sucedido, o que inclúe necesariamente educar no respecto á verdade e afondar nos valores para unha cidadanía democrática, reclamando o recoñecemento e posta en valor do ideario republicano.

8. Por iso, precisamente, é importante construír lugares de encontro entre xeracións para comprender unha realidade tan complexa como a abordada polo Seminario. Con esta intención acordouse mudar as datas de realización da vindeira edición do Seminario para o outono de 2018 e facer xestións para que o alumnado universitario sexa coñecedor desta iniciativa e poida integrarse no Seminario.

9. Detéctase por parte do Seminario unha falta de sensibilidade institucional, evidenciada na falta de apoio e cobertura a iniciativas relacionadas coa recuperación da Memoria Histórica, que trae como consecuencia a ralentización ou mesmo a desaparición de proxectos de capital importancia.

10. Os integrantes do Seminario denuncian como o “relato” sobre a Guerra Civil e a represión franquista, así como as medidas tomadas en distintos momentos da nosa historia recente, non respectan os compromisos establecidos por mandato internacional. Neste sentido entenden que a regulación española sobre a Memoria Histórica e os dereitos das vítimas do franquismo é directamente herdeira do pacto do esquecemento sobre o que se construíu a transición á democracia. Na procura dunha falsa reconciliación vulneráronse gravemente as reivindicacións de verdade, xustiza e reparación ás vítimas. Distintos organismos internacionais e asociacións pro dereitos humanos teñen advertido reiteradamente da transgresión do dereito internacional referido a dereitos civís e políticos que ampara as vítimas de graves violacións dos dereitos humanos. Particularmente, a aplicación da Lei de Amnistía de 1977 e as actuacións do Tribunal Supremo e do Constitucional entran en conflito directo coa lexislación internacional –xuridicamente vinculante para todos os estados– ao non considerar o carácter imprescritible dos delitos de “lesa humanidade”, como son, por exemplo as desaparicións forzadas nun contexto de ataque xeralizado á poboación civil. O Seminario entende que pechar en falso conflitos desta magnitude non permite restituír a necesaria confianza nas institucións nun estado de dereito e reclama das organizacións políticas a revisión desta situación e un compromiso decidido para que o estado asuma o papel que lle corresponde na defensa da legalidade.

11. De cara a próximos Seminarios manéxanse, entre outras, algunhas suxestións temáticas que xeran interese como:
• Darlle continuidade á temática represión e psiquiatría, abordada por vez primeira neste Seminario, evidenciando a complexidade que encerra e os múltiples fíos temáticos
• As consecuencias da represión na vida das familias.
• O papel da cultura: deporte, teatro..., na época.
• Os medios cos que contaba a medicina no momento.
• O xornalismo. E, especificamente, a muller xornalista.
• Coñecemento de espazos emblemáticos relacionados coa represión, como a Illa de San Simón, ou asociados ao franquismo, como o Pazo de Meirás.

Con posterioridade á sesión de conclusións, o relator Xoán Carlos Domínguez Alberte fixo chegar, como consecuencia da sesión celebrada en Celanova, estas conclusións que complementan as anteriores:

12. Rescate da memoria democrática: recoñecemento das vítimas, enxalzamento do labor dos guerrilleiros e de quen se enfrontou ao réxime.

13. Necesidade de adaptación pedagóxica da temática nos libros de historia e en manuais para o ensino.

14. Demanda de coordinación das asociacións de memoria republicana.

15. Instancia aos poderes públicos de dispor os medios e recursos necesarios para a restitución dos restos das vítimas do franquismo ás familias demandantes e da dignidade a todos os que padeceron as consecuencias do réxime.

16. Condena explícita, por todas as forzas políticas con representación parlamentar, da sublevación do 36 e do réxime que dela se derivou, produto dun golpe de estado fascista.

17. Emprego dunha terminoloxía adecuada para se referir aos feitos que se relatan: ocupación incivil (para o caso de Galiza), memoria republicana, non guerrilleiros nin fuxidos ao monte senón defensores da democracia republicana, non bando nacional senón bando fascista ou bando sublevado...

18. Recoñecemento de todos os crimes cometidos ao abeiro do franquismo como de lesa humanidade, imprescritíbeis, con tratamento consonte a lexislación internacional.

19. Anulación da Lei de Amnistía: condena de todos os crimes do franquismo.

20. Promoción e divulgación do legado da II República e dos defensores do seu herdo.

21. Revisión e incorporación nun documento das achegas e conclusións doutros colectivos sobre esta causa e elaboración dunha proposta única -consensuada entre todas as partes- para lles elevar a todas as institucións pertinentes, xa sexan de ámbito nacional, estatal ou internacional.


Documentación
Os nomes do exilio (médico, republicano, galego). Artigo de Simón Lorda
Recuperando a memoria (histórica) na sanidade galega... Artigo de Simón Lorda
Galenos de Galicia: Guerra Civil e represión polo franquismo. Artigo de Simón Lorda
Asistencia psiquiátrica en el primer franquismo: Ourense (1939-1959). Artigo de Simón Lorda e L. Ferrer
Xosé Velo Mosquera e o DRIL. Artigo de Xurxo Martiz
Currrículo de Uxío Breogán Diéguez
Currículo de Xoán Carlos Domínguez Alberte
Bibliografía sobre a represión da autoría de Xoán Carlos Domínguez Alberte
'Furriolo', poema de Xoán Carlos Domínguez Alberte na obra colectiva 'Volverlles a palabra'
Texto de Xoán Carlos Domínguez Alberte sobre Manuel Lueiro Rei
Selección de textos do libro de poemas 'Incivil', de Xoán Carlos Domínguez Alberte

Ficha técnica
Título da actividade:
VIII SEMINARIO SOBRE A MEMORIA: A longa noite de pedra

Datas de celebración
12, 13 e 14 de maio de 2017.

Lugares de celebración: .
Rianxo, Celanova e Allariz.

Destinatarios/as:
Persoal docente do ensino público e concertado, e en paro.

Número máximo de participantes:
50, por rigorosa orde de inscrición.

Nº de horas: 
20 (homologación da Consellería de Educación en trámite).

Cotas de inscrición:
(A matrícula inclúe os xantares de campo).

Ata o 8 de maio de 2017
Socios/as de Nova Escola Galega: 30 €.
Parados/as: 40 € (é precisa xustificación documental).
Cota ordinaria: 60 €.

Desde o 9 de maio de 2017
Socios/as de Nova Escola Galega: 40 €.
Parados/as: 50 € (é precisa xustificación documental).
Cota ordinaria: 70 €.

Forma de pagamento:
Ingreso ou transferencia bancaria á conta de Nova Escola Galega en ABANCA
IBAN ES77 2080 – 0300 – 85 – 3040089500

Inscrición:
Achega do boletín de inscrición xunto co xustificante do pagamento.




Nova Escola Galega - San Clemente 18-baixo - 15705 Santiago de Compostela - Tel/Fax 981 562 577 - neg@mundo-r.com