Navegación: Inicio Actividades Actividades realizadas Ano 2016 SEMINARIO PERMANENTE SOBRE INNOVACIÓN EDUCATIVA 
Usuario
Contrasinal:

MEMORIA XERAL
· Memoria do Seminario


SEMINARIO PERMANENTE SOBRE INNOVACIÓN EDUCATIVA
Ao longo do 2016 déuselle continuidade ao Seminario Permanente que se vén desenvolvendo nos últimos anos. Está é unha liña de acción estratéxica para NEG, porque nos permite revisar e, no seu caso, actualizar os nosos posicionamentos en temáticas que preocupan á comunidade educativa. O Seminario Permanente convocou dez xuntanzas, todas elas na nosa sede, agás a relacionada co Libro Branco da Función Docente, desenvolvida na Nave de Vidán (Compostela). A celebración deste Seminario permitiunos elaborar e facer públicos algúns pronunciamentos sobre temas de crecente interese social e educativo, planificar algunhas accións concretas para vindeiras actividades de formación que permitan afondar nos temas tratados e dar a coñecer prácticas educativas innovadoras, sustentadas na participación, directamente relacionadas cos temas obxecto de análise. A avaliación realizada sobre esta iniciativa amosa unha alta valoración, tanto pola escolla dos asuntos tratados, como polo enfoque e metodoloxía empregada e a axeitada coordinación das persoas que actuaron como relatoras.

A CONVIVENCIA NOS CENTROS EDUCATIVOS

I. Marco normativo e protocolos.
Camino Pereiro González, directora do CPI Virxe da Cela (Monfero).

II. Presentación de experiencias.
Belén Piñeiro Álvarez, educadora social, membro do grupo Educador@s pola Paz.

22 de xaneiro, sede de NEG.

Este é un tema recorrente nas nosas análises e posicionamentos. Nesta ocasión aproveitouse para abordar novos aspectos relacionados cos novos formatos de violencia (a través das redes sociais e dirixidos a perfís específicos pola súa orientación e identidade sexual) e dar a coñecer experiencias singulares na abordaxe dos conflitos a través da mediación, contando co protagonismo do alumnado e a participación da comunidade educativa.



LIBRO BRANCO DA FUNCIÓN DOCENTE
I. Estrutura e focos de interese.
Xosé Ramos Rodríguez, orientador no IES Afonso X O Sabio (Cambre).

II. Análise comparada.
Sonia Fernández Casal, profesora no IES Montexería (Muros).

13 de febreiro, na Nave de Vidán (Compostela).

Abordáronse os distintos focos de interese que presenta a proposta de Antonio Marina, desde unha perspectiva crítica, fundamentalmente pola falta de contextualización na crise, recoñecendo algúns elementos positivos na súa proposta. A análise do acceso á función docente, baixo un sistema semellante ao coñecido como MIR, foi un elemento clave que se abordou desde unha perspectiva comparada no contexto europeo.


A EDUCACIÓN NO RURAL

I. Análise e necesidades educativas.
Alicia López Pardo, mestra e membro da Mesa de Educación no Rural.

II. Presentación de boas prácticas comunitarias.
Xosé Manuel Cid, profesor na Facultade de Educación da Universidade de Vigo.

12 de marzo, sede de NEG.

Presentouse o estado da cuestión dos últimos cursos relacionados coa supresión de escolas rurais, así como as xestións realizadas por comunidades educativas concretas, como as das zonas de Montaña, diante das diferentes administracións. Déronse a coñecer tamén experiencias comunitarias que contan cos centros escolares do rural para desenvolver proxectos alternativos de desenvolvemento.



AS REVÁLIDAS EN PRIMARIA
Xoán Lourenzo Lourido, mestre no CEIP Manuel Masdías (Ferrol).

2 de abril na sede de NEG.

Neste caso abordouse a nova estratexia de avaliación, de orientación claramente segregacionista, que introduce a LOMCE no nivel de Primaria. Igualmente analizáronse, con datos comparativos doutros sistemas educativos, as consecuencias asociadas a un modelo como o que se pretende implantar, contraditorio ademais coa demanda de cambio metodolóxico docente como piar da innovación educativa.



PROPOSTAS DE POLÍTICA EDUCATIVA

Sonia López Soto, psicóloga, especialista en Orientación Laboral e Igualdade.

14 de maio, sede de NEG.Analizouse a necesaria coordinación entre as distintas administracións que deseñan e activan a distinto nivel liñas de acción política no ámbito educativo. Nesa dirección actualizáronse algunhas propostas incluídas en distintos documentos elaborados con ocasión das eleccións municipais e xerais, e fíxose unha previsión para abordar un marco de propostas políticas a escala galega, co obxectivo de dalas a coñecer antes das eleccións galegas.



A FORMACIÓN PROFESIONAL BÁSICA: DESEÑO, IMPLANTACIÓN E PRIMEIROS DATOS

Antón Costa Rico, profesor na Facultade de Educación da USC.

18 de xuño, sede de NEG.

Analizouse a controvertida e precipitada posta en marcha da FP Básica, un dos eixes da LOMCE orientado a unha segregación temperá do alumnado que presenta problemas académicos. Os primeiros datos dos que se ten noticia —aínda non definitivos ou recoñecidos como oficiais— falan dun preocupante fracaso e abandono escolar. As propias condicións de implantación, con ratios cuestionadas mesmo desde o Consello Escolar de Galicia, a falta de formación específica de parte do profesorado encargado deste nivel, xunto coa clara improvisación da administración na toma de decisións académico-organizativas auguran unha situación problemática para o futuro do alumnado destas ensinanzas.



CRITERIOS PARA A ELABORACIÓN DE MATERIAIS CURRICULARES

Ana Castro Rodríguez, mestra e membro do Grupo Cavila.

1 de xullo, sede de NEG.

Desde a experiencia do Grupo Cavila en relación á avaliación de materiais didácticos, o Seminario achegou unha serie de criterios para a escolla de materiais didácticos ou para a súa elaboración. Destacouse como un dos criterios estrela a súa capacidade inclusiva, de xeito que os recursos didácticos empregados na aula atendan a unha variedade de intereses e capacidades do alumnado.



PATRIMONIO CULTURAL E CURRICULUM ESCOLAR
Alexandre Sotelino Losada, profesor da Universidade de Vigo e membro do Grupo Rebulir.

17 de setembro, sede de NEG.

A idea dunha educación inserida no territorio e contextualizada na propia lingua e cultura só pode abordarse desde unha concepción do curriculum escolar atenta ao recoñecemento do noso patrimonio cultural material e inmaterial. No Seminario analizáronse diversas posibilidades para incorporar o noso patrimonio cultural (lúdico, artístico, lingüístico...) desde unha perspectiva holística, para convertelo nun eixe transversal do curriculum, non como un engadido opcional que non garante a súa presenza na vida diaria das aulas.


A FORMACIÓN INICIAL DOS PROFESIONAIS DA EDUCACIÓN

Mª Dolores Candedo Gunturiz, profesora na Facultade de C. Educación da UDC.

15 de outubro, sede de NEG.Achegáronse para a súa análise diferentes perspectivas que inciden na modificación da formación inicial dos profesionais da educación: a existencia dunha realidade educativa que demanda novos roles na función docente e a colaboración de novos profesionais con funcións de ponte entre a escola e a súa contorna; os cambios acaecidos no modelo formativo da educación superior universitaria polo proceso de adaptación aos criterios de Boloña; os novos retos que debe enfrontar o sistema educativo desde a mellora da súa calidade e capacidade de inclusión etc.



NOVOS MODELOS DE ESCOLA, PARA QUE SOCIEDADE?
 Xosé Lastra Muruais, mestre e ex-director do CEIP Manuel Masdías (Ferrol).

19 de novembro, sede de NEG.

O derradeiro encontro do ano do Seminario Permanente permitiunos unha reflexión máis fonda sobre o sentido da educación na actualidade, á luz da mestura de situacións que apelan a novas estratexias de ensino-aprendizaxe e que alimentan moitas das chamadas “innovacións educativas” ou traen de volta algunhas formulacións pedagóxicas noutros tempos entendidas como alternativas (pedagoxía Waldorf, aulas Montessori, prácticas de desescolarización...). Mesmo o traballo por proxectos é sinalado como unha formulación pedagóxica de novo cuño nun contexto no que o marco normativo que ordena o sistema educativo se volve máis ríxido, academicista e segregacionista.








Nova Escola Galega - San Clemente 18-baixo - 15705 Santiago de Compostela - Tel/Fax 981 562 577 - neg@mundo-r.com