Navegación: Inicio Actividades Actividades programadas OBRADOIROS NEG 2017 
Usuario
Contrasinal:

Obradoiros

Secretaría
- FOLLA DE INSCRICIÓN
- PROGRAMA AUTOESTIMA FEMININA E NOVAS MASCULINIDADES

Presentación
OBRADOIROS EN AMES (Coa colaboración do concello de Ames)

18 E 19 DE NOVEMBRO / Iniciación ao audiovisual. Aprende a facer os teus propios vídeos

Horario: Sábado de 10 a 14h e de 16 a 20h e domingo de 10 a 14h
Matrícula: 60 € / 45 € socios/as NEG
Lugar: Sede de NEG (R/ das Hedras, 4-2ºO. Novo Milladoiro)
Imparte:
Seispés Producións Creativas

Produtora audiovisual, comunicación, deseño gráfico e produción musical que nace do desexo dun grupo de profesionais xóvenes e dinámicos de dar renda solta á súa creatividade.
www.seispes.com

Descrición do obradoiro:
Darémosche os recursos necesarios a través de contidos teóricos (valores de plano, movementos de cámara, son, fases e tarefas de preprodución, produción e postprodución...) e exercicios prácticos (guionización, gravación e montaxe), para que aprendas a facer pezas audiovisuais de maneira sinxela, xeitosa e asequible, ben para ti ou para traballar con grupos ou na aula.

Necesidades:
Trae un teléfono móbil e os cables correpondentes para poder cargar a batería e volcar o que gravemos no teu ordenador portátil. Comproba que este teña instalado algún programa de edición como poden ser o Movie Maker (pc) ou o IMovie (Mac).

24 E 25 DE NOVEMBRO / “Autoestima feminina e novas masculinidades: Desaprendendo o sexismo desde as aulas”
(ACTIVIDADE HOMOLOGADA POLA XUNTA CON 12H DE FORMACIÓN PARA O PROFESORADO)


Horario: Venres de 17 a 21h e sábado de 10 a 14h e de 16 a 21h
Matrícula: 50 € / 30 € socios/as NEG
Lugar: Sede de NEG (R/ das Hedras, 4-2ºO. Novo Milladoiro)
Imparte:
Mª Sonia Fernández Casal: Licenciada en Ciencias Exactas. Máster en Xénero e Políticas de Igualdade.
Xosé Cabido Pérez: Licenciado en Filosofía. Co-responsable da Dinamización de Igualdade do IES Plurilingüe Fontexería.

Obxectivos:
• Presentar ferramentas e metodoloxía que permita realizar seminarios temáticos con alumnado de secundaria, separados por sexos, nos que abordar aqueles aspectos da construción da identidade de xénero que dificultan ou impiden o mantemento de relacións de igualdad entre os sexos.
• Reflexionar sobre formas de afortalar a autonomía e a autoestima das alumnas desde as aulas.
• Reflexionar sobre como promover o compromiso dos alumnos coa igualdade, a renuncia aos seus privilexios de xénero e a superación dos aspectos máis nocivos para eles mesmos do modelo masculino imperante.
• Coñecer mellor a forma na que viven alumnas e alumnos a súa identidade de xénero.

Metodoloxía:
Presentarase a experiencia desenvolvida en aulas de 2º, 3º, 4º de ESO e en 1º de BAC, dentro do proxecto coeducativo “Nós tamén navegar” do IES Plurilingüe Fontexería (Muros). Reproduciranse as dinámicas e actividades que se realizan co alumnado, en obradoiros separados por sexos, no marco deste proxecto que recibiu o III Premio Concepción Arenal da deputación da Coruña. 

14 E 15 DE DECEMBRO / Obradoiro de Ecoauditorías

Horario: 17 a 20h
Matrícula: 25€ / 20 € socios/as NEG
Lugar: Sede de NEG (R/ das Hedras, 4-2ºO. Novo Milladoiro)
Imparte:
Manuel Antonio Fernández
Profesor de bioloxía no IES Xelmírez I de Santiago de Compostela

Descrición do obradoiro:

Os obxectivos do Obradoiro serán os de impulsar a necesidade de promover unha Educación Ambiental activa nos centros escolares por medio do Deseño e realización de sinxelas Auditorías Ambientais adaptadas as diferentes situación que se dan nos nosos centros educativos. Estas estratexias metodolóxicas deben ser a base para plantexamentos máis ambiciosos de innovación pedagóxica  e reforma dos currículos.


16 DE DECEMBRO / Taller de percusión e canto tradicional

Horario: 10 a 14h e de 16 a 20h
Matrícula: 60 € / 45 € socios/as NEG
Lugar: Sede de NEG (R/ das Hedras, 4-2ºO. Novo Milladoiro) 
Imparte:
Davide Salvado
É sen dúbida unha das voces máis carismáticas do noso país e vén de gañar o Premio Martín Códax da Música na categoría de Música Tradicional. De formación autodidacta, leva media vida percorrendo as aldeas galegas na procura de ritmos, coplas e danzas. De todas esas mulleres que foi atopando, aprendeu non só a tradición na música, se non todo un xeito de vivir. O amor a todas esas prácticas tradicionais, a fía, a cestaría, a agricultura, o respeito á terra e á lingua, fan do xeito de entender o canto para Davide moito máis que simplemente música. Co seu último traballo, “Lobos” está a acadar un gran recoñecemento a nivel internacional.

Descrición do obradoiro:
Curso de canto e pandeireta. Aprenderemos técnica de ámbolos dous instrumentos, así como repertorio e interpretación aplicados ao noso folclore.

Necesidades:
A túa pandeireta, roupa cómoda e unha manta ou esterilla.


OBRADOIROS NA CORUÑA (Coa colaboración da Deputación da Coruña)

24 DE NOVEMBRO / Obradoiro de ilustración


Horario: 16:30 a 21h
Matrícula: 25€ / 20 € socios/as NEG e estudantes da UDC
Lugar: Fac. C. da Educación (Campus de Elviña). Aula de plástica. Andar -3.
Imparte:
Xosé Tomás

(Betanzos, 1971) Ilustrador, humorista gráfico, guionista e profesor de ensino secundario no CPI Manuel Suárez Marquier do Rosal (inglés).

Descrición do obradoiro:
A ilustración e, en xeral, a imaxe, son terreos que o noso sistema educativo debe traballar nos máis pequenos dende etapas temperás, para acadar, como proclamaba Rodari, o maior grao de expresión dos nenos. Cun enfoque que combina a teoría coa práctica, e con variacións segundo o nivel e a idade dos receptores, analízanse as relacións entre o texto literario e a imaxe, o trasvase entre ambos, así como a importancia narrativa da ilustración.
Combinando exemplos con prácticas diversas, os asistentes viaxarán polas diferentes interpretacións e lecturas das palabras ata convertérense en ilustracións, poñéndoo en práctica con pequenos proxectos. Trabállase, así mesmo, a creación de personaxes dende o punto de vista físico e psicolóxico, e a elaboración de microhistorias visuais a partires de técnicas como as de G. Rodari.
Coñécese a relación existente entre as imaxes dun álbum ilustrado e as figuras retóricas: as metáforas visuais, as hipérboles, as comparacións e paralelismos, e outras.
O obradoiro transcorre nun clima de constante sorpresa para os participantes, de utilización do humor e o paradoxo, nun intento por espertar e estimular a súa creatividade, así como a súa capacidade de comunicar historias con imaxes.

 

 *Accede ao programa completo da actividade no apartado “Secretaría”, á esquerda nesta mesma páxina.
Información sobre axudas da Xunta para  gastos de formación: http://www.edu.xunta.gal/portal/sites/web/files/20170713_gastos_formacion.pdf 



Documentación

Ficha técnica
Inscricións:
Cubre a ficha de inscrición que se atopa no apartado "Secretaría", á esquerda desta mesma páxina, e envíaa por mail a: neg@neg.gal






Nova Escola Galega - San Clemente 18-baixo - 15705 Santiago de Compostela - Tel/Fax 981 562 577 - neg@mundo-r.com