Conscientes da necesaria formación en metodoloxías STEM (Ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas), e partindo de que a escola é un espazo de aprendizaxe na que debe realizarse un tratamento reflexivo, crítico e innovador dos avances tecnolóxicos e científicos, esta actividade nace coa finalidade de ofrecer un espazo de encontro para o profesorado e a comunidade educativa (familias, outras/os profesionais…) co fin de favorecer a análise e utilización crítica dos robots nas aulas de educación infantil, primaria e secundaria.
Dado que se cumpre o X aniversario do Seminario e do grupo promotor do mesmo: CAVILA (grupo de traballo de materiais curriculares de Nova Escola Galega), queremos que esta edición sexa máis lúdica e festiva que as anteriores, para iso o celebraremos cun acto especial o venres 29 á que poden asistir as persoas inscritas.
Esta actividade recolle a necesidade de desenvolver no profesorado a competencia de aprender aprendendo, mediante o desenvolvemento activo das sesións de obradoiro nas que poden iniciarse no mundo da avaliación dos materiais cos que traballan a diario co seu alumnado.
Presenta un carácter práctico na que se parte de distintos modelos de avaliación de recursos educativos dirixidos aos distintos ámbitos do ensino (regrado e non regrado). A avaliación dos materiais didácticos axudaranos a seleccionar e elaborar materiais máis coherentes co modelo e proxecto de escola proposto no século XXI. Así mesmo, serviranos para desenvolver un uso máis coherente e crítico dos materiais en relación cos proxectos educativos e curriculares de centro. A avaliación axudaranos tamén a repensar o significado dos materiais didácticos nos diferentes momentos do curso e coñecer cales son as consecuencias que se derivan na práctica do uso que se realice dos mesmos.
Obxectivos previstos:
● Coñecer tipoloxías de robots e estratexias metodolóxicas para utilizar estes recursos en diferentes etapas educativa.
● Tomar decisións construtivas respecto do uso dos considerados robots educativos no contexto escolar e familiar.
● Valorar os robots educativos para analizar a súa utilidade.
● Intercambiar perspectivas e ideas para o desenvolvemento das competencias STEM.